23.9.12

Parémoslles os pés! Paremos os recortes no ensino!


17 de outubro, folga estudantil. O estudantado galego contra os recortes no ensino do Partido Popular!
Os Comités convocamos para o 17 de outubro unha xornada de folga contra os recortes no ensino do PP. Baixo o lema Parémoslles os pés! Paremos os recortes no ensino os Comités denunciaremos as consecuencias das políticas educativas do PP, contrarias ao dereito de igualdade de oportunidades do estudantado galego e que agreden, de maneira reiterada, o carácter público do ensino en todas as súas etapas.


 Parémoslles os pés! Paremos os recortes no ensino Pararémoslles os pés a un Partido Popular que quere impor un modelo educativo clasista, elitista e que ten unhas políticas que, en definitiva, só pretenden expulsar do ensino ás e aos estudantes con máis dificultades. Mobilizarémonos nos institutos galegos para rexeitar a imposición dunha reforma do ensino que suporá un auténtico golpe de estado. O Partido Popular quere recuperar un modelo educativo fracasado hai máis de 40 anos coa recuperación dunhas reválidas en Primaria, na ESO e no Bacharelato. Ademais, o goberno central quere controlar o ensino cun modelo educativo absolutamente centralista, con menor calidade e cunha drástica redución da oferta educativa. 

Mobilizarémonos no ensino universitario contra o desmantelamento da universidade pública e contra as medidas adoptadas nos últimos anos como as constantes subas das taxas universitarias, as reducións das prazas ou o afogamento económico do Sistema Universitario Galego que condena á universidade pública. Ademais, o Partido Popular quere unha Universidade pouco transparente e pouco democrática na que abran as portas á xestión privada. O ensino é un dereito e o PP quéreo converter nun privilexio.

17 de outubro, folga estudantil!