Liñas de traballo institucional

A seguir damos conta novamente dos nosos compromisos programáticos que guiarán a nosa actividade reivindicativa e institucional neste período. 



Acceso a universidade
Coa entrada en vigor dos novos títulos de grao, volvéronse a estabelecer ou reducíronse aínda máis os numerus clausus na maioría das carreiras, aínda cando se sabía que en moitas delas se podía soportar a nivel material e humano o acceso de calquera estudante que a quixese cursar. Isto provocou que unha grande parte do estudantado que superou a selectividade non puidese acceder á carreira que desexaba cursar e viuse obrigado a acceder a outras titulacións: unha das principais causas de abandono da universidade. Neste curso 2010-2011, o goberno do PSOE no Estado impuxo unha vez máis un aumento das taxas universitarias dun 1,5%. É o Estado quen estabelece a porcentaxe mínima de suba das taxas en función da suba do IPC e vulnera así as competencias exclusivas en educación que ostenta Galiza. Porén a Xunta do PP non discutiu este criterio e decidiu subilas ese 1,5%, sen ter en en conta que temos unha das rendas máis baixas de todo o Estado e sen asumir dunha vez a transferencia das competencias en materia de bolsas que eximen do pagamento das taxas.

Lingua
A UdC é a universidade do país con menos presenza do galego nas aulas: só se imparte en galego o 10% das horas de aulas de todos os centros da universidade.De feito, non é estraño que un estudante da UdC remate a carreira sen recibir unha soa aula en galego.
Os Comités exiximos:
— Que se contabilicen a efectos do POD das materias impartidas en galego no seu primeiro ano de aplicación.
— Que se desenvolva o Plano de Normalización Lingüística e que se creen prazas de perfil lingüístico como mecanismo efectivo para aumentar a docencia en galego.

Financiamento
Co novo Plano de Financiamento das Universidades Galegas que o PP aprobará vía orzamentos, vemos como, nunha situación económica incerta, hipotécase a cinco anos os cartos destinados á formación universitaria. Isto non fai máis que recortar un investimento anterior xa de por si reducido e insuficiente: o 0,72% do PIB galego. Contra isto, os Comités propoñemos:
— Que se elabore un novo Plano de Financiamento Plurianual, de tal modo que o investimento público no ensino universitario non sexa inferior ao 1,5% do PIB galego.
— Que se reforme o actual sistema de taxas que diferencie os niveis de renda e exclúa do seu pago o estudantado que cumpra os criterios económicos da convocatoria, aínda que non cumpra os requirimentos académicos.
— Que se reduza a porcentaxe de participación do estudantado, a través das taxas, no orzamento da UdC ao 5%.
— Que se aumente a partida orzamentaria dirixida ao financiamento e á promoción do asociacionismo estudantil, así como a implantación de criterios máis transparentes para a concesión destas axudas.

Bolsas
Contra o recorte nas bolsas propias da UdC, exiximos que a equipa reitoral cumpra o compromiso explícito do seu programa electoral de 2007 de incrementar cada curso académico tanto o número de beneficiarios como a cantidade de cada bolsa.

Servizos
Os Comités traballaremos por uns servizos mellores. Defenderemos que non se use a actual situación de crise económica para facer recortes en bibliotecas, aulas net, reprografías, comedores, transporte urbano, axuda ao estudante etc..
Por isto, exiximos:
— Que se amplíen os horarios e os servizos do SAPE.
— Que se dote de máis medios económicos e humanos para a área de extensión universitaria: tanto para os centros como para a universidade.
— Que instalen máquinas expendedoras de compresas, tampóns, preservativos e demais material hixiénico en todos os centros da rede universitaria da UdC.
— Que se recuperen os horarios de xornada completa das aulas net.
— Que os servizos internos e externos da universidade sexan de balde, especialmente as impresións e o acceso a recintos deportivos.

Vivenda
O Partido Popular na Xunta de Galiza rompeu o acordo que o anterior goberno galego e a actual equipa reitoral asinaran para a construción dunha nova residencia universitaria pública. Isto supón o mantemento da UdC como a única universidade do país e de todo o estado español que non lles ofrece aos seus estudantes un servizo de residencia pública. Nós entendemos que este servizo é básico para garantir o acceso e o mantemento dos estudantes na universidade.Mentres tanto, a UdC seguirá financiando residencias privadas cun custo superior para o estudante que o que lle suporía vivir nunha residencia pública propia da universidade.

Muller
Reclamamos que:
— Se elimine a publicidade sexista dos centros.
— Se inclúan os programas de estudo do papel da muller na historia, na cultura e na ciencia, e nas diferentes áreas de coñecemento, silenciado ou manipulado historicamente.
— Se elimine a linguaxe sexista na UdC.