De onde vimos?

Na Galiza non se podería falar de Movemento Estudantil sen falar das organizacións estudantís nacionalistas, pois foi o nacionalismo o que, partindo do principio de autoorganización do pobo galego na súa loita pola liberación nacional e social, impulsou e vertebrou organizacións estudantís propias que asumisen e canalizasen as reivindicacións do estudantado galego. Xa no curso 72-73 nacía Estudantes Revolucionarios Galegos (ERGA), unha organización de masas nacionalista, que aparecía co obxetivo de dinamizar o Movemento Estudantil e dotalo dunha dirección galega. ERGA é a primeira organización no ámbito estudantil que adopta Galiza como marco exclusivo de actuación superando dinámicas sucursalistas, que fai causa da nosa lingua e cultura como expresións da nosa identidade nacional, que aposta por organizar o conxunto do estudantado galego fronte ás concepcións elitistas e dirixistas da esquerda española e que é capaz de concretar unha alternativa baseada nun ensino nacional, científico, democrático e popular nunha extensa táboa reivindicativa.


Foi tamén o nacionalismo, a través de ERGA, o que no ano 83, nun contexto de certo desencanto e desestruturación do movemento estudantil debido á frustración do proceso de ruptura democrática, impulsou a creación dos Comités Abertos de Faculdade, plataformas plurais a nivel de centro que significaron un punto de inflexión no Movemento Estudantil Galego reactivándoo e logrando a confluencia do estudantado contra a Lei de Reforma Universitaria do PSOE. O éxito dos CAF remataría por os levar a ocupar o papel de ERGA unha vez que a súa consolidación organizativa e o reforzo do seu perfil nacionalista fixeron afuncional manter a duplicidade de estruturas. Do mesmo xeito, era o nacionalismo o que trasladaba esta fórmula organizativa aberta tamén ao ensino medio analizando daquela que este tiña as súas propias dinámicas e problemáticas concretas que facían precisa a súa propia organización estudantil. Constituíanse entón, no ano 1986, os Comités Abertos de Estudantes (CAE) que comezaban a súa andaina cun curso de fortes mobilizacións no ensino medio contra a reforma educativa (LODE) do goberno do PSOE.

Estes cursos de andaina dos CAF e dos CAE polas aulas de Galiza teñen amosado o axeitado das análises teóricas do nacionalismo e a súa vixencia é indiscutíbel. Porén é evidente que o contexto do ensino, e da sociedade en xeral, ten mudado significativamente, o que ten afectado ao movemento estudantil. A restruturación progresiva do ensino, cunha maior carga lectiva e de traballo persoal, a regresión e endurecemento das condicións da accesibilidade e permanencia nos estudos e o sistema cada vez máis competitivo e individualista ten conlevado a diminución da implicación do estudantado fóra do estritamente académico que se traduciu nunha certa febleza das organizacións estudantís. Mais é obxectivo que superando todo tipo de concepción restrinxida e de minusvaloración, o estudantado galego segue a estar dotado dunha grande capacidade de loita e de mobilización e non só no referido á problemática concreta do ensino. Así o ten amosado reiteradamente nos últimos tempos: aí están os exemplos das mobilizacións contra a LOU e a LOCE, contra a invasión imperialista do Iraque e pola defensa da dignidade nacional coa plataforma Nunca Máis. Esta vitalidade e combatividade puntual non se ten traducido polo momento nun impulso significativo da autoorganización estudantíl.

A organización nacionalista do estudantado de medias tivo un funcionamento irregular ao longo de toda a súa historia. Os CAE alternaron períodos cunha boa implantación territorial e grande capacidade de mobilización con outros de certa desestruturación debido á grande dificultade organizativa de manter unha organización autónoma actuante no ensino medio. Pese a isto os CAE foron quen de dar cumprida resposta as reformas educativas impulsadas polos gobernos centrais e de desenvolver un gran traballo mobilizador polo uso do galego como lingua vehicular no ensino. Os CAF teñen mantido un funcionamento estábel e presenza, aínda que desigual, en todo o país ao longo destes anos sendo a única alternativa galega e reivindicativa fronte ás organizacións de prácticas amarelistas e prosistema e aos órganos corporativistas de representación estudantil, como as delegacións de estudantes na UdC e na Universidade de Vigo. Así mesmo o traballo a nivel de centro e uns obxectivos concretos para a universidade galega ten dotado aos CAF de certa capacidade de mobilización e actuación.

Os Comités nacemos co obxectivo de impulsar e imprimirlle un novo ritmo ao movemento estudantil galego, recollendo e asumindo a herdanza ideolóxica e práctica das organizacións estudantís nacionalistas e dando unha resposta conxunta e coordinada de todo o estudantado aos ataques ao ensino público do noso país. Unha organización reivindicativa, capaz de formular alternativas concretas e cunha presenza activa e visíbel nos centros de ensino. Unha organización que sexa, en resumo, unha ferramenta útil na defensa dos dereitos e intereses do estudantado galego.