10.12.12

Por un transporte digno e contra a nova suba do bus na Coruña!

Os Comités queremos denunciar a nova suba no transporte colectivo na cidade da Coruña que vén de ser pactada entre a Compañía de Tranvías e o Concello desta mesma cidade, que situará o custo do billete normal nos 1,27 € e o bono bus xeral nos 0,82 €.


Desde os Comités demandamos que non se aplique esta nova suba e ao mesmo tempo que se inicie a revisión da concesión deste servizo á Compañía de Tranvías para o estabelecemento dunhas novas condicións que rematen coa vergoña que é que o Concello da Coruña teña que asumir subvencionar cuantiosos beneficios a unha compañía privada por un servizo que non só é rendíbel socialmente senón tamén en termos económicos e que posibiliten o estabelecemento de tarifas máis reducidas, máis xustas e máis coherentes coa situación socioeconómica actual así como a revisión dos percorridos das liñas, nomeadamente o da liña universitaria que permita mellorar a conexión cos barrios máis afastados do Campus universitario.

O estudantado sae, unha vez máis, perxudicado!

Por outra banda, o estudantado é un dos principais usuarios do transporte colectivo e apenas o 10% de nós se beneficia de descontos especiais cando os datos demostran que, por exemplo, a liña que máis beneficios achega á Compañía de Tranvías é a universitaria. Por isto, demandamos tamén o estabelecemento dun bono-bus estudantil xeral asumido polo Concello, do mesmo xeito que fan a maioría das cidades con campus universitario, incluídas Santiago de Compostela e Vigo, cun custo situado entre os 0,27€ do bono-bus da UdC e os 0,75€ actuais do bono-bus xeral e que sexa independente e complementario do bono bus social por criterios de renda que se outorga a xeito de bolsa.

Colaboras connosco? Só tes que imprimir a folla de sinaturas e unha vez a teñas cuberta avísasnos e imos recollela a onde e cando mellor che veña.