Os Comités da Coruña
participamos da rolda de prensa de presentación do manifesto da
Plataforma pola mobilidade que tivo lugar no local da Agrupación
Cultural Alexandre Bóveda. A seguir reproducimos o contido do manifesto.
O
tráfico urbano é a principal causa de deterioración da calidade de vida
das persoas que vivimos na Coruña, xa que máis do 50 % colle o vehículo
privado para ir traballar. As solucións pasan, entre outras, pola
diminución das necesidades de transporte e polo emprego dos modos de
transporte menos contaminantes, priorizando xerarquicamente os e as
peóns, as bicicletas e o transporte público colectivo.
A
eliminación do carril bus empeorará o problema actual do tráfico na
cidade,pois mantense na liña das políticas de apoio ao coche privado que
contribúen a que Galicia siga a ser a rexión de Europa na que máis
porcentaxe de desprazamentos en vehículo privado se realizan.
O
carril bus é un instrumento instaurado nas cidades co fin de optimizar o
funcionamento do servizo de transporte público, a través dunha mellora
nas frecuencias e velocidades das liñas e sendo ademais un recurso moi
potente recoñecido pola Unión Europea para atraer á cidadanía cara ao
seu uso. Na nosa cidade, as persoas usuarias de ata nove das liñas que
utilizan dito carril recoñecen que se aforra ata 15 minutos por traxecto
grazas a esta medida.
Manifesto pola mobilidade
1. Os e as
viandantes, a bicicleta e o transporte público teñen que ser
prioritarios sobre o transporte particular, xa que o seu impacto no
tráfico é moito menor e axudan a mellorar a calidade da mobilidade da
cidade e a diminuír o consumo de petróleo e as emisións de gases
contaminantes.
2. Manifestamos a nosa oposición á retirada do
carril bus, xa que entendemos que o plan alternativo empeorará o servizo
do transporte público, diminuíndo as frecuencias, e a circulación da
cidade.
Debido a:
— A alternativa do concello é unha invitación a
usar o vehículo privado en detrimento do transporte público, o que vai
aumentar os traxectos en coche dentro da cidade incidindo na conxestión
crónica no tráfico rodado da cidade.
— Provocará un problema de dobre
fileira nos viais polos que discorría o carril bus, que precisará a
instalación dun sistema de vídeo-vixilancia, que unido ao sistema de
prioridade semafórica, suporá un elevado custo tanto de instalación
(máis de 250 000 euros) como de mantemento.
— As vantaxes do sistema
de prioridade semafórica proposto polo concello dilúense coa retirada do
carril bus, xa que os minutos gañados con este sistema veranse
practicamente anulados cando un coche queira aparcar, haxa coches en
dobre fileira ou se produza unha conxestión por outros motivos; isto
verase agravado en vías cun só carril, como propoñen para San Andrés.
—
Dado o éxito acadado polo actual servizo, cunha importante mellora nas
velocidades e frecuencias das liñas e un incremento no número de
usuarios do bus dende a súa implantación, non semella razoable
desmantelar este servizo antes de ter probado o novo, é dicir, a
prudencia aconsellaría antes de eliminaren dun trazado un sistema que
funciona, facer experiencias piloto do novo sistema proposto noutros
trazados, con tempo abondo para tiraren conclusións válidas.
3. A
necesidade de seguir ampliando e mellorando o transporte público e
fomentar o seu uso en detrimento do coche particular, mediante a
implantación de novos percorridos de bus nas zonas peor comunicadas e
aumentando a frecuencia dos xa existentes, implantación do tren de
cercanías e o tranvía, e a instalación de aparcadoiros disuasorios na
entrada da cidade.
4. Elaboración dun Plano de Mobilidade na área
metropolitana que sexa independente dos cambios que se produzan nos
gobernos municipais e que estableza asorientacións estratéxicas en
materia de infraestruturas de transporte coa finalidade de facilitar a
mobilidade das persoas e que inclua todo tipo de transporte como as
biciletas, buses, trens de cercanías, liñas maritimas e as suas
interconexions.
5. A mellora e ampliación dos viais peonís e o
fomento do uso da bicicleta nos traxectos urbanos e interurbanos, isto
é, a habilitación de carril bici máis aló dunha función recreativa.
6.
A importancia da creación dunha mesa cidadá onde estean presentes
asociacións veciñais, ecoloxistas e de contido social, así como
plataformas vinculadas ao transporte sostible, en aras de cumprir o
compromiso de fomento da participación cidadá ontraído polo concello coa
sinatura da carta de Aalborg.
7. A defensa do comercio local, co
noso apoio a un sistema de abastecemento descentralizado que permita o
acceso ás persoas de todos os barrios da cidade incidindo na redución do
número de desprazamentos.
8. Revisar o convenio coa Compañía de
Tranvías para que quen marque as liñas e planifique o transporte na
cidade sexa o Concello.
9. Reducción das tarifas de bus actuais e
mellora nos sistemas de recarga para que sexan sinxelos de manexar e
alleos ás entidades bancarias.
En definitiva, apostamos por unha cidade sostible, cómoda, habitable, próxima, eco-activa, participativa, próspera e segura.