18.3.11

VI Xornadas de economía Alexandre Bóveda

Presentamos a sexta edición das Xornadas de Economía Alexandre Bóveda que realizamos na Facultade de Economía e Empresa da UdC e que todos os anos congregan a centos de estudantes para escoitar e compartir reflexións, análises, teorías, experiencias e alternativas cos relatores das palestras que ao longo de varios días pasan polas nosas xornadas.

Terán lugar os días 30 e 31 de marzo e 5, 6, 7 de abril no Salón de actos da Facultade de Economía e Empresa e temos 2 créditos de libre elección solicitados.

Xa hai seis cursos que a nosa organización impulsou ao mesmo tempo que estas xornadas un acordo na Xunta de Facultade de CC. Económicas e Empresariais e outro na Xunta de Escola de Empresariais para concederlle o nome dunha aula ao proto-mártir galego Alexandre Bóveda grazas a este dobre traballo, conseguimos a concesión e ao peche das primeiras xornadas rebautizouse a aula o.6 como Aula Alexandre Bóveda. Desde aquela, a nosa organización decidiuse a impulsar todos os anos unhas xornadas de economía en homenaxe a que, ademais das múltiples facetas cultivadas na súa curta vida, Alexandre Bóveda foi o deseñador dun primeiro sistema fiscal galego baixo a premisa de que sen autonomía fiscal non podería existir autonomía política e desmontar a idea, que segue viva aínda hoxe, de que Galiza non pode ser autosuficiente a nivel fiscal.
A necesidade dunhas xornadas de economía nunha Facultade de Economía podería non ser moi evidente. Porén, a perspectiva unipolar desde a que se enfocan os contidos nas titulacións relacionadas coa economía son a motivación principal pola que cada ano anovamos o compromiso de ofrecer outro xeito de enfocar a realidade e actuar sobre ela dun xeito plural, crítico e participativo. Queremos dinamizar a facultade e ofrecerlles principalmente aos estudantes das titulacións de ADE, Económicas e Empresariais contidos que non se inclúen nos planos de estudos e experiencias que nós entendemos fundamentais para o desenvolvemento integral da nosa formación persoal e académica.

Entre os temas que se tratan nestas xornadas atópanse:
// Avaliación da situación económica /// Tres apuntamentos sobre a crise
// Reformas do sistema /// Da refundación do capitalismo ás medidas anticrise
// Déficit, débeda, crise dos servizos públicos e privatizacións
// Sistema financeiro en crise? /// Do FROP á LORCA
// Conclusión e alternativas